lunes, 6 de junio de 2011

Jorge Bebreiros - Presidente de Ineo «As TIC galegas loitan contra grandes potencias»

O presidente de INEO, a asociación de empresas tecnolóxicas galegas, fala dos proxectos previstos para este ano, de como lles afecta a crise e da súa relación con outros sectores.

O principal conglomerado de empresas TIC de Galicia presentou a finais de abril un ambiciosos plan operativo para este ano, no que pretenden captar fondos por un valor superior ao millón de euros. INEO quere fortalecer o tecido empresarial TIC e seguir sendo referente tecnolóxico en Galicia.

-¿Cantas empresas TIC de Galicia están en Ineo?

-Agora mesmo son oitenta empresas, que representan 3300 empregos directos e unha facturación agrupada de 237 millóns de euros, aproximadamente o 5% do total galego. No entanto, o noso obxectivo non é ter cantos máis socios mellor senón xerar valor aos asociados; necesitamos socios moi activos que propoñan ideas e que poidan atopar en Ineo unha canle para facelas crecer e situalas.

-Ten INEO un obxectivo moi ambicioso para o ano 2011...

-Ambicioso pero realista. Parte do orzamento que executaremos corresponde a proxectos que se aprobaron o ano pasado, polo que xa está en execución actualmente. E pretendemos obter fondos europeos para dous proxectos, que non só se executarán en 2011, senón que darán certa comodidade financeira en 2012 e 2013).

-¿Que proxectos destacaría?

-Estamos a traballar en moitos. Podemos destacar a execución da Muralla Dixital, xunto co Concello de Lugo e a Xunta; un proxecto nacional para o emprego das TIC por parte das mulleres e familias do rural galego; e outro centrado en xerar oportunidades de negocio para as nosas empresas e seguir promocionando as TIC para o aumento da produtividade.

-¿Como afectou a crise ás TIC galegas?

- Ao ser provedores doutros sectores que frearon o seu gasto, o noso sector viuse tamén afectado. Ás TIC chégalles a crise algo despois pero, por primeira vez, o sector destruíu emprego no 2010; e aínda que a facturación se mantén, poida que empecemos realmente a notar de forma patente as consecuencias da falta de contratos.

-¿Hai visos de recuperación?

-Dependemos enormemente do que pase noutros sectores. E eu non creo que outros sectores estean en vías de recuperación, especialmente porque aínda o financiamento está conxelada. O que transmitimos ás nosas empresas é que non deben quedar esperando. Teñen que empezar a buscar outro mercado. Preocúpanos moito que o sector TIC en España invista un 2% menos en I+D que en 2009 e un 3% menos en innovación. Freando o investimento estamos a hipotecar o futuro porque, cando o mercado se recupere, non poderemos competir con TIC doutros países que non deixaron de crecer.

-¿Como están as TIC galegas?

-Galicia supón un 4% do sector a nivel nacional. Pero hai empresas galegas que están a facer as cousas moi ben e non só a nivel nacional; teñen produtos que se miden, compiten, con grandes multinacionais e gañan concursos fóra do noso país. Pero, para chegar alí hai que ter unha alta especialización, estar en continuo avance e ter masa crítica.

-¿Que posición ocupa España en Europa en canto a empresas TIC?

-A competencia non vén de Europa. E nós xogamos sempre coa vantaxe da proximidade con Latinoamérica. Pero son as grandes potencias, China e India fundamentalmente, as que están a ser unha dura competencia para as empresas TIC. Nalgúns mercados xa chegamos tarde. O que si nos ensinou esta crise é que non podemos seguir perdendo oportunidades.

-Segundo vostede, ¿cales son as tendencias tecnolóxicas para os próximos anos?

-Gartner destaca o «Cloud Computing», os desenvolvementos móbiles, a comunicación e colaboración social, as novas tecnoloxías de análises baseadas en capacidades de computación máis potentes, a análise social, a computación embebida e ubicua? En calquera caso, creo que non é unha cuestión de tendencia e si de nicho e de oportunidade: en cada sector hai un novo modelo de negocio que aínda está por crear ou unha tecnoloxía que implantar de forma nova.

-¿Que modelos empresariais prevalecerán e cales quedarán obsoletos?

-No sector TIC puideron convivir perfectamente diferentes modelos empresariais sen que haxamos que tido que optar por un ou por outro. É a eterna pregunta: ¿Software libre ou propietario? Pois son dous modelos de negocio que conviven e que teñen, ambos, as súas fortalezas e as súas debilidades. Agora talvez a pregunta de moda é ¿Na nube ou non? ¿Virtualizado ou físico? Depende de cales sexan as necesidades, así que creo que igual que o cliente decide na actualidade sobre se Software libre ou propietario, decidirase sobre outros modelos de negocio que poderán convivir.

-¿Que sectores empresariais suspenden aínda en implantación TIC en Galicia?

-É difícil destacar algún porque moitas veces contan con barreiras externas ao propio sector. Con motivo do Día de Internet, o presidente da Federación Galega de Polígonos pedíanos desculpas ao confesarnos que na maioría dos polígonos industriais galegos tiñan serios problemas coa conexión a Internet, e preguntábanos como podían as empresas pensar na nube (cloud) conectándose cun módem de 128 ks.

No hay comentarios:

Publicar un comentario